Datos personales

Mi foto
Profesora de historia, feminista recalcitrante, estudiosa de la historia del presente y crítica con la actualidad. Preocupada por transmitir una visión no androcéntrica de la historia

lunes, 18 de marzo de 2013

CLARA CAMPOAMOR, UNHA SUFRAXISTA ESPAÑOLA

CLARA CAMPOAMOR, UNHA SUFRAXISTA ESPAÑOLA



(Madrid, 1888 –Lausanne,1972).
Esta muller foi un exemplo de loitadora a prol dos dereitos legais das mulleres españolas pero non é unha figura excesivamente coñecida no noso país, non aparece en moitos dos libros de texto de historia aínda que o seu traballo fora vital no seu momento para tódalas demais mulleres. Nalgúns textos aparece unha pequena mención, pero a penas nada mais. E pensei que non estaría de mais explicar un pouco a súa enorme vida e o seu traballo polas mulleres españolas. Unha vida rica en acontecementos, ideas e realizacións.
Clara Campoamor está vencellada estreitamente coa defensa do voto feminino en España. A pesar de ser unha personaxe política merecente dunha proxección internacional se cabe, especialmente se temos en conta as circunstancias de apoio na Cámara dos Deputados, non é moi fácil atopar unha biografía súa, xunto ós demais políticos da época.
Podemos afirmar que foi a pioneira da igualdade legal, e puxo toda a súa vida en tal empeño. Hoxe, ao falar dela, pensamos neste dereito fundamental, o do sufraxio feminino, que ela defendeu nas Cortes Constituíntes da Segunda República española (1931), e da que se cumpriron oitenta e dous anos.
Clara Campoamor Rodríguez naceu o día 12 de febreiro de 1888, no barrio popular de Maravillas, hoxe Malasaña, en Madrid. O seu pai, Manuel Campoamor Martínez era un empregado na administración dun xornal; procedente de Santoña, casou con Pilar Rodríguez Martínez, que exercía como modista. Tiveron dous fillos: Clara e Ignacio. Manuel morre cando os seus fillos son aínda adolescentes, e polo tanto Clara viuse na obriga de abandonar a escola para axudar á súa nai nos traballos de confeción de roupa primeiro e logo como dependenta dun comercio.
Aos 21 anos ingresou por oposición no corpo de Correos e Telégrafos como auxiliar feminina de segunda clase. Alternou este traballo con outros, por exemplo como profesora de taquigrafía e mecanografía nas Escolas de Adultas, pero é na súa relación co xornal La Tribuna e o seu entorno (colaboraba nel como secretaria de dirección), onde descubriu o seu interese pola política.
E para a política preparouse a fondo.Sendo xa adulta reinicia a súa formación, rematou o Bacharelato en tan só dúas convocatorias e obtén a licenciatura en Dereito pola Universidade de Madrid no ano 1924. Tiña por esas datas 36 anos e a penas había mulleres exercendo esta profesión. Ela empeñouse en exercer e no ano 1925 xa era membro do Colexio de Avogados de Madrid.
Como avogada levou adiante a defensa de moitos casos relacionados coa liberdade das mulleres. Tamén desenvolveu traballos teóricos de xurisprudencia, sobre a situación xurídica das mulleres en España, á vez que daba conferencias na Universidade de Madrid, e era habitual vela na Casa do Pobo entre os socialistas, onde discutía de feminismo en moitas ocasións.
Algunhas destas ideas sobre o que supón o feminismo están tamén desenvolvidas nun prólogo para un libro de María Cambrils, militante socialista, onde di:“(El feminismo) es una protesta valerosa de todo un sexo contra la positiva disminución de su personalidad, fruto de una legislación de clases o castas que jamás entrevió para su elaboración legislativa otro tipo de mujer que el de aquella inactiva, cuya mente en vacación prolongada no necesitaba otra protección que la de un marido, ya alimentista, ya administrador de sus bienes, y siempre, de su libertad personal”.
Mentres dura a Ditadura de Primo de Rivera (1923-1930) negouse a participar na Xunta do Ateneo, e rexeita a Gran Cruz de Alfonso XII. Ela era republicana. Ó rematar a Ditadura e instaurarse a II República, Clara Campoamor como membro do Partido Radical saíu elixida deputada por Madrid nas eleccións de 1931, para formar parte das Cortes Constituíntes. Estivo na comisión encargada de redactar a Constitución, foi vicepresidenta da Comisión de Traballo, presentou a súa propia lei de Divorcio, participou nos debates sobre a organización do Tribunal de Menores, sobre a reforma do Código Penal, sobre a inscrición dos fillos nacidos fóra do matrimonio, a investigación de paternidade, e moitos temas mais relacionados coa capacidade xurídica das mulleres, como xa comentei antes.
Pero o traballo parlamentario non era o único: foi nomeada vocal da delegación do Goberno español ante a Sociedade de Nacións (precedente da ONU), fundou a Unión Republicana Femenina, para darlle pulo ó voto republicano entre as mulleres e leva adiante o seu despacho xurídico. Por exemplo, cando en 1932 lexislouse o divorcio, Clara defendeu a separación de Josefina Blanco, muller de Ramón María del Valle-Inclán e a de Concha Espina, casada con Ramón Gómez de la Serna.
Se consultamos o Diario de Sesións das Cortes Constituíntes (1931-33), podemos observar que ela foi unha oradora brillante e combativa. Resultaba provocadora na Cámara na que había un clima de forte enfrontamento entre partidos ó debater a capacidade das mulleres para votar, como xa falamos. En contra do que pasou en Inglaterra e Estados Unidos, onde o voto fora conseguido despois de varios anos de loita sufraxista, en España ocorrerá ó revés: é no Parlamento onde se conseguirá o dereito ó sufraxio feminino.
Cabe recordar que a finais do S.XIX arredor do 71% das mulleres españolas eran analfabetas, e en menor proporción, pero non moi lonxe, tamén os homes. De aquí que os partidos políticos de esquerdas (Esquerda Republicana) foran reticentes ó voto feminino; pola certeza de que pola influencia que o clero tiña sobre as mulleres, chegadas as eleccións inclinaríase a balanza a favor das dereitas. Esta contradición foi a orixe do longo debate que enfrontou a republicanos e socialistas.
No debate, Clara Campoamor rebatiu os argumentos de Victoria Kent (radical socialista), que non era favorable a conceder o voto nese momento. Incluso defendeu o sufraxio feminino contra a opinión do seu propio partido. Así, a partir da toma de decisión do Partido Radical de non defender o dereito ó voto das mulleres, Clara Campoamor non ten máis saída ante as súas propias conviccións que pasar por riba do seu partido e defender este dereito na Cámara, a título persoal, levando o peso dos debates en solitario.
Nas votacións sobre este tema (artigo 34 da Constitución), aprobouse por 161 votos a favor e 121 en contra. Os votos favorables viñan do Partido Socialista (non todos), pequenos núcleos republicanos cataláns, progresistas galeguistas e a dereita.
A clase política nunca perdoaría a Clara Campoamor a súa indisciplina de partido. De feito, pecháronlle as portas nos seguintes partidos nos que tentou ingresar, como foi en Izquierda Republicana, despois de dimitir do Partido Radical, ou cando tratou de obter acta da Fronte Popular, representando á Unión Republicana Femenina.
Ao enfrontarse co seu propio partido para lograr o sufraxio feminino, sen máis respaldo que a súa convicción persoal e a súa capacidade de convencer ós demais, rompendo así a estratexia de partido, e ó enfrontarse cos outros compañeiros republicanos doutros partidos, viuse abocada a unha morte política fulminante. Ese foi o prezo da súa defensa a ultranza das mulleres.
Nas eleccións de 1933 non saíu elixida e a partir de aquí separouse do Partido Radical, polos sucesos de Asturias de Outubro de 1934, debido á posición do seu partido a favor da represión dos mineiros. Ela, que era Directora Xeral de Beneficencia e que formaba parte da comisión investigadora destes sucesos, foi a Oviedo para axudar ós fillos e fillas dos mineiros represaliados ou mortos.
Trala ruptura, pide o ingreso en Izquierda Republicana pero este partido denégallo en xullo de 1935. Xa diante das eleccións do 1936, e querendo continuar como deputada, solicitou acta para inscribirse no Fronte Popular representando á Unión Republicana Femenina, pero négaselle tal posibilidade.
Vistos os resultados das súas xestións, durante a campaña electoral marcha a Londres, onde remata de escribir o ensaio máis representativo de toda esta polémica: “El voto femenino y yo. Mi pecado mortal”.
En agosto de 1936, como consecuencia do golpe de estado contra a República, Clara houbo de abandonar Madrid, camiño do exilio, un exilio definitivo do que non volvería xamais, a pesar dos intentos dela algúns anos máis tarde. Estivo en París e logo en Bos Aires dende o 1936 ata o 1955.
Dedicouse á tradución de obras francesas (Los Miserables, de Victor Hugo; Madame de Pompadour, dos Goncourt...) e á divulgación cultural a través de conferencias e publicacións, como a biografía de Concepción Arenal (1943) e a de Sor Juana Inés de la Cruz (1944).
A finais dos anos corenta tentou volver a España; fixo unha pequena viaxe a Madrid, pero estaba acusada de ser republicana e masona, e ela négase a se presentar diante dos xuíces. Volve a Bos Aires e no ano 1951 tenta volver de novo.
A orde contra ela segue vixente, e as súas conviccións persoais non lle permiten declarar ante un tribunal franquista, ó considerar que cando ingresara na loxia de mulleres “Reivindicación”, era un acto legal.
En 1955 trasládase a Lausanne (Suíza) e alí permanece ata a súa morte en 1972. A súa actividade profesional neste país está centrada en colaborar co despacho xurídico da avogada suíza Antoinette Quinche, especialista en dereito matrimonial. Esta etapa da súa vida vén marcada pola profunda nostalxia da súa volta como llo manifesta reiteradamente ós seus amigos e amigas.
Nos últimos anos da súa vida estaba case cega e morre nun hospital de Lausanne, vítima dun cancro. Os seus restos foron incinerados e trasladados a San Sebastián, segundo a súa última vontade. Era a cidade onde ela estaba o día que se proclamara a República.
En 1959 escribiríalle á avogada María Telo:“Cuando veo cuál ha sido el resultado de nuestras luchas y esfuerzos me pregunto si verdaderamente vale la pena hacer algo en la vida....creo que lo único que ha quedado de la República fue lo que yo hice: el voto femenino, pues aunque resulte la igualdad en la nada, no se han decidido a borrarlo....”
As  palabras anteriores poden servir de colofón para a nosa lembranza, para que a nosa memoria non esqueza a esta muller que defendeu coa palabra, con argumentos profundamente feministas un dereito fundamental para as mulleres, por riba dos intereses políticos.
Estas son as súas últimas palabras, antes da votación na Cámara do artigo 34 da Constitución: “ No cometáis un error histórico, que no tendréis nunca bastante tiempo para llorar, al dejar al margen de la República a la mujer, que representa una fuerza joven”. E aquí estamos, con igualdade legal pero non real. 

BIBLIOGRAFÍA PARA A CURIOSIDADE

CAMPOAMOR, Clara (1981) Mi pecado mortal. El voto femenino y yo. Ed. LaSal, Barcelona.
FAGOAGA, Concha (1985) La voz y el voto de las mujeres. El sufragismo en España 1877-1931. Ed. Icaria, Barcelona.
SCANLON, Geraldine (1986) La polémica feminista en la España  Contemporánea.1868-1974. Ed. Akal, Madrid.
CAPEL, Rosa Mª (1975) El sufragio femenino en la II República. Ed. Univ. Granada, Granada.

[Editar]  [Eliminar]