Datos personales

Mi foto
Profesora de historia, feminista recalcitrante, estudiosa de la historia del presente y crítica con la actualidad. Preocupada por transmitir una visión no androcéntrica de la historia

miércoles, 17 de abril de 2013

https://soundcloud.com/mercedes-cerradelo/clase-de-historia-2

Este enlace vos levará a un exemplo práctico de clase de historia que gravei con son como iniciativa do que podemos facer para o alumnado e as posibilidades de correxir exames como neste caso.
O contexto real sería que o alumnado tivese diante, tanto as normas para comentar textos que colguei no blog, como o exame que tamén está colgado no blog.
Espero que vos sexa útil.
Saúde

domingo, 14 de abril de 2013

2º Curso Historia de España
Segunda Avaliación 19 - 02- 2013

COMENTARIO DE TEXTO ( 8 puntos)
Baseándote nos seguintes documentos debes compoñer un comentario de texto sobre a Restauración e a crise da Restauración. Partindo do sistema canovista (Doc.1) abrirase unha crise coa perda das colonias ultramariñas en 1898. Ao longo das primeiras décadas do século XX a crise vaise acentuando e manifestando en diferentes ámbitos: a disposición do Exército a tutelar a vida política (Doc.2), a crecente conflitividade social (Doc.3), os problemas bélicos en Marrocos (Doc.4) son algúns dos máis importantes síntomas que anuincian o final da etapa e con ela o final da monarquía.

Doc. 1. Benito Pérez Galdós. Política española
O cacique da e quita os míseros postos de traballo que disfrutan os máis pobres do pobo; seus son o carteiro, o secretario do Concello, o peón camineiro. O cacique é quen, ao facer o reparto da contribución, carga a man contra o adversario, aliviando ao amigo, do que se orixinan disgustos (...) e ata puñaladas. O tirano de aldea, que tan grandes servizos presta ao deputado, someténdolle a localidade, agobia a este coas súas esixencias (...). O deputado apoia e encubre os desmáns do seu axente; pero hai casos que chegan ao Congreso e o goberno vése obrigado a recortar o excesivo celo daquel déspota escuro.

Doc. 2.-Artigo publicado na revista El Ejército Español en 1905
Aos separatistas cataláns dilles que xa rematou a época das contemplacións; que de hoxe en adiante non se poderá berrar ‘¡Morra España!’ sen que quen o berre saiba que é perigosísimo o berralo. Aos gobernos dilles que tamén pasou a época en que poidan amosarse débiles; que é preciso arrincar de raíz a semente separatista custe o que custe. E ás Cortes dilles así mesmo que se por imprevisión dos lexisladores non hai leis contra o separatismo, as fagan axiña, porque entrementres o Exército aplicará a lei suprema, a que dita o seu inquebrantable amor a España, unha e intanxible.

Doc. 3.-A UGT e a CNT convocan unitariamente a folga xeral en agosto de 1917
 Pedimos a constitución dun Goberno Provisional que asuma os poderes executivo e moderador, e prepare, previas as modificacións imprescindibles nunha lexislación viciada, a celebración de eleccións sinceras, dunhas Cortes Constituíntes que aborden en plena liberdade os problemas fundamentais da constitución política do país. Mentres non se acade ese obxectivo, a organización obreira está absolutamente decidida a manter a súa actitude de folga. Cidadáns: non somos instrumentos de desorde, como na súa impudicia nos chaman con frecuencia os gobernantes que padecemos. Aceptamos unha misión de sacrificio polo ben de todos, pola salvación do pobo español, e solicitamos o voso concurso. ¡Viva España!

Doc. 4.- Viñeta alusiva a Annual (1921)



TEORIA (2 puntos)
Explica tres características identificadoras dos grupos sociais tradicionais do século XIX e dos novos grupos que se forman como consecuencia da Revolución industrial.

Pasos para facer unha composición histórica de textos

BREVE ESQUEMA DUNHA COMPOSICIÓN DE TEXTO. Para facer ben unha composición de textos teredes que seguir o seguinte esquema: 1. Introdución Trátase de elaborar un marco ou contexto de todos os documentos en conxunto para situar os feitos que nel se narran. É obvio que para iso o primeiro que teredes que facer é ler con calma e subliñando, os documentos a traballar. 2. Desenvolvemento En cada documento mentalmente, ou nunha folla aparte, faremos o seguinte: - 2.1. Contexto histórico: quén gobernaba nese momento e por que? quen reinaba e por qué? Que tipo de goberno ou sistema político había?... - 2.2. Idea principal do texto: que quere dicir este texto?, explicado coas vosas palabras. Aquí hai que ter en conta se o contido é obxectivo (se fala en primeira persoa ou non), esaxerado, ou propagandístico por exemplo. - 2.3. Relacionar cos coñecementos que tes: que sei eu deste tema?. Explicándoo. 3. Conclusión Que importancia tiveron estes feitos para esa época? que repercusión tiveron estes feitos para nós hoxe en día?. A resposta a unha das dúas opcións é suficiente. Non é unha opinión persoal, senón obxectiva sobre os feitos dos que falan os textos. ERROS A EVITAR. 1. Nunca ir documento a documento, senón que hai que enlazalos e facer unha única composición. Non se poden individualizalos documentos polo tanto. 2. Nunca repetir o que di o texto, ou sexa non parafrasear o texto. 3. Nunca contar anécdotas nin confundir a Historia coa historieta e os rumores que se coñezan do tema. 4. Tachar e facer unha composición repetitiva e/ou farragosa.